O PROGRAMA

OBXECTIVO

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, ten entre os seus obxectivos prioritarios consolidar o sector comercial mediante o fomento e apoio da remuda comercial asegurando a continuidade daqueles negocios que veñen funcionando desde hai anos ao mesmo tempo que se incentiva a aquelas persoas emprendedoras que queren iniciar a súa andaina comercial nun negocio xa posicionado no sector e viable.

Co programa de remuda comercial, a Consellería de Economía e Industria, impulsa a rexeneración do comercio de proximidade, potenciando a creación de emprego mediante a transmisión a novas persoas emprendedoras non só do comercio senón tamén do bo facer e dos coñecementos profesionais dos transmisores ademais de asegurar a continuidade da calidade e da profesionalidade no sector.

MEDIOS

A Consellería de Economía e Industria pon en marcha un programa para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para fomentar a remuda comercial.

O obxectivo desta orde de convocatoria  é facilitar a remuda comercial de pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial. Co fin de acadar unha maior eficacia na consecución deste obxectivo, é necesario articular os medios precisos para poñer en contacto as persoas transmisoras da actividade comercial coas persoas emprendedoras.

Para iso, a orde de axudas compleméntase cun sistema de asesoramento e cunha  plataforma en liña onde por unha banda as persoas transmisoras dun comercio poidan dar de alta o negocio comercial que queren transferir con indicación das características do establecemento, fotos, etc. E por outra banda, as persoas emprendedoras que queren continuar unha actividade comercial, poidan consultar os negocios dispoñibles que lles poidan interesar segundo o sector da actividade comercial, localidade, etc. e darse de alta como adquirente.